Blogging tips

20 nov. 2014

20 DE NOVEMBRO, DÍA UNIVERSAL DOS DEREITOS DOS NEN@S





1. Todo nen@ sen distinción de raza, idioma ou relixión, ten dereito a escoitar os máis fermosos contos da tradición oral dos pobos, especialmente aqueles que estimulen a súa imaxinación e a súa capacidade crítica.
2. Todo nen@ ten dereito a esixir que seus pais lle conten contos a calquera hora do día.
Aqueles pais que sexan sorprendidos negándose a contar un conto a un neno, non só incorren nun grave delito de omisión culpable, senón que se están autocondenando a que seus fillos endexamais lles volvan pedir outro conto.

3. Todo nen@ que por algunha razón non teña a ninguén que lle conte contos, ten absoluto dereito a pedirlle ao adult@ da súa preferencia que llos conte, sempre que este amose que o fai con amor e tenrura, que é como se contan os contos.
4. Todo nen@ ten dereito a escoitar contos no colo dos seus avós e avoas. Aqueles que teñan vivos a seus catro avós poderán cederllos a outros nenos que por diversas razóns non teñan avós que llelos conten. Do mesmo xeito, aqueles avós que carezan de netos están en perfecta liberdade de acudir a escolas, parques e outros lugares de concentración infantil, onde poderán contar cantos contos queiran.
5. Todo nen@ está no dereito de saber quen son os principais autores de contos. As persoas adultas teñen a obriga de poñer ó alcance dos nenos todos os libros, contos e poemas deses autores.
6. Todo nen@ goza en plenitude do dereito de coñecer as fábulas, lendas e mitos da tradición oral do seu país.
7. O nen@ tamén ten dereito a inventar e contar os seus propios contos, así como a modificar os xa existentes, creando a súa propia versión.
8. O nen@ ten dereito a esixir contos novos. Os adultos están na obriga de nutrirse permanentemente de novos e imaxinativos relatos, propios ou alleos, con reis ou sen eles, longos ou curtos. O único obrigatorio é que os contos sexan realmente fermosos.
9. O nen@ sempre ten dereito a pedir outro conto e a pedir que lle conten un milleiro de veces o mesmo conto.
10. Todo nen@, por último, ten dereito a medrar acompañado das aventuras dos Tres Porquiños, dos Tres Osos, daquel cabalo que era tan bonito.... e do inmortal “había unha vez”, fórmula máxica que abre as portas da imaxinación na ruta cara os soños máis fermosos.
          

13 nov. 2014

A radio na escola


Pinchade no enlace para escoitar o  programa do CEIP de Pazos, emitido dende a radio municipal de Tui o xoves 6 de novembro ás 11:30, o primeiro deste curso de radio escolar na que alumnado de diferentes escolas fai recomendacións literarias e no que o noso centro está convidado a participar.
Estade moi atentos porque falan dun libro moi interesante que algúns de vós coñecedes ben.

Programa de radio do CEIP de Pazos de Reis

Despois de escoitalo podedes facer comentarios sobre o programa e o libro que nos recomendan.
Lembrade que para facelo tedes que ter unha conta de gmail, así que o mellor será pedir axuda a vosa familia.
Animádevos e participade!!!                      

10 nov. 2014

Novembro, mes da ciencia en galego




No ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Novembro como “Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento”.
 Dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estase a impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.


 Manifesto de Ángel Carracedo en favor da ciencia


A  Asesoría de bibliotecas escolares realizou unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia, en galego, que  pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogues de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc.  

Pincha no enlace para acceder aos recursos 

 

9 nov. 2014

GaliciaLe, unha plataforma para o préstamo de libros electrónicos





GaliciaLe é a plataforma do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á lectura neste formato.
GaliciaLe proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar.
En GaliciaLe o lector atopará dous catálogos: un que contén o “Catálogo do libro electrónico en galego” e outro que aloxa o “Catálogo do libro electrónico en castelán”. Os libros incluídos nestas dúas contornas poderán lerse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e lectores de libros electrónicos.

Pinchando AQUÍ atoparedes toda a información que necesitades para acceder a esta páxina e poder rexistrarvos.
BOA LECTURA!!! 


6 nov. 2014

Taller de KAMISHIBAI

 
Neste vídeo a artista teatral “Garabato” fala da historia do KAMISHIBAI e tamén nos explica como podemos construir un teatriño de cartón.