Blogging tips

20 ene. 2016

Entroido Rural Tradicional

cartaz xenerais 2016peq
XENERAIS DA ULLA

A comarca natural da Ulla posúe un orixinal entroido rural do que temos testemuños dende mediados do século XIX.

Os personaxes máis importates son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas.

Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.

Dunha parroquia a outra o Entroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, mantendo cada un deles trazos definitorios que os fan únicos.

Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego.

Para máis información: http://xeneraisdaulla.com/index.php?lang=ga

18 ene. 2016

Moitas letras por Lermos.gal


Dende o pasado día 12 o país conta cun novo medio de comunicación. Por se esta circunstancia xa non fose motivo de celebración dabondo de seu, dáse o caso de que ademais se trata dun novo medio en galego e centrado na cultura. Nomeadamente, nos libros. Nace Lermos.gal.
Alex Bayorti, Xosé Duncan e Martinho Terrafria están por tras dun proxecto que, din, trae consigo un "longo tempo de traballo" para poñer as bases dunha publicación "dedicada ao mundo das letras en lingua galega" que informe e divulgue. A súa intención é ofrecer non só recomendacións literarias ou "as últimas novidades editoriais", senón tamén informar "de xeito programado e ordenado" dos "acontecementos literarios máis sobranceiros".
Un espazo de entrevistas inaugurado con Antonio Manuel Fraga e polo que pasarán diversos "profesionais do mundo do libro e da lectura" e un apartado de recursos destinado a espallar "coñecementos relacionados co ámbito literario" son dous dos alicerces de Lermos. Xunto a estas grandes seccións a revista ofrece tamén unha actualizada axenda de eventos con datas de presentacións, premios ou feiras.
Lermos.gal combina a presentación de novidades editoriais con entrevistas e reportaxes sobre recursos do mundo literario
"Lermos.gal -din os seus impulsores- nace tamén cunha clara vocación cara ás redes sociais". A través dos seus perfís en Facebook ou Twitter, indican, "traballaremos pola difusión dos contidos literarios na nosa lingua", sempre co prisma dun proxecto "colaborativo e aberto".
Nos seus primeiros días de actividade Lermos.gal abordou obras como 'Teño uns pés perfectos', de María Solar, 'Derradeiro bis en catro-corenta', de Tomás González Ahola, ou 'Ons', de Carlos Meixide. No apartado de recursos a revista centrouse en explicar "onde van os cartos dun libro". Nos próximos días, entre outros contidos, prevén ofrecer entrevistas con Tomás Rivera e Alberto Pombo.

Fonte do artigo: 
http://praza.gal/cultura/10984/moitas-letras-por-lermosgal/

55 anos de 'Memorias dun neno labrego'

Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas


O 5 de xaneiro de 1961 Xosé Neira Vilas publicaba en Bos Aires Memorias dun neno labrego, a través da editorial Follas Novas, que fora creada en 1957 polo propio Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda, co propósito de difundir, desde a diáspora, o libro galego. Con todo, o grande éxito da obra comezou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Castro. En só vinte anos editaríase unha ducia de veces, sen contar as versións en castelán e en portugués que xa existían del a comezos dos anos 80.

Cincuenta e cinco anos despois, a obra, dedicada “a todos os nenos que falan galego”, suma xa 35 edicións na nosa lingua e foi traducida a unha morea de idiomas, desde o catalán, o inglés, o alemán, o ruso, o francés, o checo e o italiano ata o chinés. Está considerado o libro máis lido da literatura galega, con máis de 600.000 exemplares vendidos até o 2015. Ademais das edicións e traducións, a obra conta con adaptacións teatrais (por exemplo, a realizada en 2011 por Cándido Pazó, ademais de numerosas versións amadoras) e mesmo cunha pequena peza audiovisual, unha versión de 1986.

Neste martes 5 de xaneiro son varias as institucións e entidades que lembran e homenaxean este libro e, sobre todo, ao seu autor, falecido o pasado 27 de novembro. A Consellería de Cultura daralle este martes o nome de Xosé Neira Vilas ao auditorio da Biblioteca e o Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura. De igual xeito, a Real Academia Galega dedícalle a Neira Vilas, académico numerario da institución desde o ano 2001, un apartado na súa web.

“O libro, el soíño ó principio, empuxado logo polo agarimo 'propagandista' de centos e centos de lectores, foi chegando ás aulas, ós galegos de Suíza, ás bibliotecas, ás mans campesiñas, a departamentos universitarios, ós galegos de Francia… Para miles de lectores –culturizados noutro idioma e na autosubestimación lingüística– foi unha revelación, unha 'revolucionaria' revelación: xa lido o fermoso relato, centos e centos da xente do común descubriron que con dúas realidades descalificadas –a lingua galega e a aldea– podía construírse un relato que xeneraba nos lectores galegos, ademais de emoción, clara conciencia de dignidade”, escribiu Xesús Alonso Montero -presidente da RAG- no prólogo dunha edición de 1981. Para Alonso Montero, a autobiografía infantil de Balbino era “a resposta lúcida dun asoballado ao asoballamento”, a historia dun ninguén cunha “conciencia de clase non artificial” cuxo relato ilustra a paisaxe moral e social da Galicia rural dos anos 40 do século pasado.

Xosé Neira Vilas ingresou na Real Academia Galega no ano 2001 cun discurso sobre A cultura galega en Bos Aires 1950-1960, no que destacou "a enorme importancia que tivo para a cultura galega en tempos de opresión e caiñeza na Galicia territorial todo o que se fixo na década dos cincuenta en Buenos Aires e porque eu tiven a fortuna de vivir día a día todo aquel agurgullar". "Aquel mociño da aldea que era eu, cheo de inquedanzas, pero ignorante de case todo, foi evolucionando na emigración", dixo.

Este martes 5 de xaneiro tamén a Uned Senior da Coruña levará a cabo en Paderne unha xornada de homenaxe a Memorias dun neno labrego, a cargo do historiador Felipe Senén, que falará sobre a obra e a figura de Neira Vilas. "Por que nos gusta tanto este libro? Porque todos nós, xente que nacemos no campo, identificámonos perfectamente con Balbino", escribe unha das alumnas. “Memorias dun neno labrego está dedicado a todos os nenos que falan galego. Daquela, eran moitos. Hoxe, bastantes menos. Se cadra, pola nosa culpa. Reflexionemos. E pidamos que siga habendo moitos homes e mulleres que, como Xosé Neira Vilas, dignificaron a vida do mundo rural e tamén a lingua galega", engade.

Fonte do artigo:
http://praza.gal/cultura/10905/55-anos-de-memorias-dun-neno-labrego/ 

15 ene. 2016

Premios do concurso de marcapáxinas 2015

Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas Escolares este ano convocamos un concurso de marcapáxinas para todas as nenas e nenos do cole que quixeran participar. Tras a recepción de todos os traballos presentados fíxose unha votación, na que cada persoa votaba polo mellor deseño e polo mellor lema.

O premio ao mellor lema recaeu en Ana Vizoso de 5º de primaria e o premio ao mellor deseño en Adrián Romero de 2º de primaria.

Parabéns aos dous premiados.

 O premio para Ana Vizoso foi a obra de Xosé Neira Vilas, "Memorias dun neno labrego" e un diploma.

O premio para Adrián Romero foi a obra de Manuel María, "O bigote de Mimí" e un diploma.

Esperamos que desfrutedes da lectura.